A Tenencia de Alcaldía agasallará insignias coa imaxe dos Pelúdez no último día do San Froilán 2023

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o xoves 12/10 o posto de información turística da praza Maior entregará insignias coa imaxe dos Pelúdez a todas as persoas que se acheguen.

Arroxo explicou que “con esta iniciativa buscamos que toda a veciñanza poida lembrar as festas do San Froilán cos Pelúdez, unha familia que xa é un dos iconos máis representativos do San Froilán”.


Arroxo destacou que remata “un San Froilán que demostrou unha vez máis ser a gran festa do outono galego”.

O Tenente Alcalde afirmou que “nos últimos días, Lugo acolleu preto de 200 actividades variadas coas que tratamos de conseguir que toda a veciñanza sentise orgullo de ser de Lugo”.

Na xornada de xoves terán lugar actividades consolidadas no programa do San Froilán, como a Feira Medieval, xunto con actividades novidosas pero que gozan dunha gran popularidade como Saltar na Rúa, exhibición de atletismo que celebra este ano a súa terceira edición, ou o II Festival de cultura tradicional do San Froilán Miúdo coas actuacións de; Cántigas e Frores, Saíñas e A Ponte Vella na praza da Mosqueira. Rayden na praza Horta do Seminario xunto con Balkan Paradise Orchestra e Terrae en Santa María serán os encargados de pechar o San Froilán 2023.