Rubén Arroxo e Maite Ferreiro presentaron o programa das festas de San Froilán 2023

Rubén Arroxo, Tenente Alcalde do Concello de Lugo, xunto coa concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentaron o programa das festas de San Froilán 2023.
 
Maite Ferreiro anunciou que o programa estará impreso e nas redes sociais nos próximos días.
 
Ferreiro destacou que “volve a gran festa do outono galego, que entre o 4 e o 12 de outubro, encherá as rúas de Lugo con preto de 200 actividades distintas, máis da metade delas musicais, dando lugar a un programa do San Froilán no que todas as veciñas e veciños de Lugo atoparán unha actividade do seu gusto”.
 
“As agrupacións locais terán o protagonismo nos concertos e nas actividades de rúa”, afirmou Maite Ferreiro, que engadiu “contaremos con máis de 50 grupos de Lugo e concertos de primeiro nivel con nomes como Elíades Ochoa, Rayden, La M.O.D.A., Ciudad Jara, Luar na Lubre ou Baiuca, entre outros”.
 
A volta da gran festa do outono galego contará con actividades tradicionais como o desfile do traxe tradiciona, que este ano celebra a súa 51 edición ou o desfile do gando. Ferreiro destacou que a cultura tradicional galega conta, como cada ano, cun "importante peso" na programación das festas.
 
"Como administración, é o noso deber traballar na conservación e promoción dos nosos elementos culturais máis relevantes".O programa inclúe actividades xa consolidadas neste eido, como o XXI Festival de Música Tradicional de Cántigas e Frores; a Verbena Galega D'antes; ou a XXV Mostra de Música Tradicional Galega do Domingo das Mozas, organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos que animará as rúas do casco histórico con máis dunha ducia de agrupacións tradicionais.
 
As familias contarán con 21 actividades de calidade, que se celebrarán tanto na carpa do aparcadoiro do Seminario como nas rúas de Lugo dentro do San Froilán Miúdo.
 
En total, o programa conta con 50 concertos en escenario e preto de 90 actividades de rúa, con pasarrúas, espectáculos itinerantes, maxia, humor e animación nos barrios.