DESCARGAR PLANOS EN PDF

Lugo acollerá a partir deste martes 04 de outubro o San Froilán 2016, a grande festa patronal da cidade luguesa, que supón a visita duns 570.000 visitantes durante os días de festas. O Concello elaborou un dispositivo especial de tráfico para garantir a seguridade cidadá e o éxito destes festexos que xeran un importante tránsito de persoas e vehículos en toda a cidade. Deste xeito, coa posta en marcha deste dispositivo, a entidade local pretende minimizar os inconvenientes aos veciños, ao tempo que se aseguran as mellores condicións.

O Concello solicita a colaboración cidadá pedindo aos veciños que reduzan o uso dos coches e fai un chamamento á utilización dos aparcadoiros disuasorios: dous en Campos Novos, As Termas e Sanfiz.

O operativo de tráfico implica medidas como a restrición da circulación ou cortes de tráfico, polo que se solicita o máximo respecto á sinalización provisional e aos corpos de seguridade. Consta de dous procedementos e aplicarase dende as 19:00 horas do venres día 30 de setembro ata as 06:00 horas do xoves día 13 de outubro.

  • Procedemento A: será o que se manteña mentres permaneza pechado o recinto feiral e se permita a circulación pola rúa Vilalba, avenida Ramón Ferreiro e rúa Alcalde Anxo López Pérez. Durante este procedemento, as vías incluídas dentro do recinto feiral cortaranse ao tráfico os días en que permaneza en funcionamento, así como cando o estime oportuno a Policía Local. Irá en función da afluencia de persoas, pero poderá terse como hora de referencias as 19:00 horas.
  • Procedemento B: será o que se estableza cando se realice o corte da Ronda da Muralla, á altura da rúa Santiago. Aplicarase os días festivos e fin de semana, coincidindo cunha maior afluencia de público, aínda que podería adiantarse xa á fin de semana do 30 de setembro, 1 e 2 de outubro, dependendo da afluencia de público ao recinto feiral. De todos os xeitos, manterase de forma continuada dende as 19:00 horas do día 4 ata as 06:00 horas do día 6 de outubro, dende as 19:00 horas do día 7 ata as 06:00 horas do día 10, e dende as 19:00 horas do día 11 ata as 06:00 horas do día 13 de outubro. As vías afectadas pola instalación de atraccións de feiras e casetas de venda dos diferentes produtos, soamente poderán ser usadas por vehículos debidamente autorizados.

Ordenación das distintas rúas afectadas que sufrirán modificacións

  • Avenida Rodríguez Mourelo
  • A calzada situada na marxe da Audiencia Provincial permanecerá invariable en canto ao sentido de circulación. Prohibirase o estacionamento en ambas as dúas marxes. A calzada da marxe dos institutos cortarase totalmente ao tráfico rodado para a instalación dos carruseis.
  • Praza de Avilés
  • Cortarase parcialmente ao tráfico e permitirase o paso dos vehículos cara as rúas Puro Cora (soamente residentes), García Portela e Armando Durán.
  • Rúa García Portela
  • A calzada adxacente ao Parque de Rosalía de Castro cortarase ao tráfico para a instalación das atraccións de feira. A do lado dos edificios habilitarase en dobre sentido de circulación para o acceso a residentes e servizos. Fronte ao número 15 habilitarase unha zona de carga e descarga en horario das 09:00 ás 13:00 horas, e das 16:00 ás 19:00 horas.
  • Avenida Ramón Ferreiro
  • Durante a aplicación do procedemento B, a calzada que discorre fronte aos centros educativos habilitarase en dobre sentido para facilitar a entrada e saída das e dos residentes. A oposta sufrirá dous cortes, un á altura da rúa Celso Emilio Ferreiro e o segundo na confluencia da rúa Salvador de Madariaga.
  • Rúa Alcalde Anxo López Pérez
  • Sinalizarase para impedir o estacionamento na marxe dereita para areserva de espazo para os diferentes servizos.
  • Rúa Santiago
  • Esta vía pasará a ser en todo momento de sentido único de baixada, no tramo comprendido entre a Ronda da Muralla e a avenida da República Arxentina, dende as 19:00 horas do día 4 de outubro e ata a finalización das festas, co obxectivo de darlle maior fluidez ao tráfico da Ronda.
  • Rúa Cidade de Vigo
  • Establécese en dobre sentido de circulación durante as festas para facilitar o acceso de vehículos con destino ao aparcadoiro da Praza da Constitución, residentes con prazas de garaxe, vehículos auto-taxi e carga e descarga da Estación de Autobuses. Para iso prohibirase o estacionamento do lado dos inmobles e seguirase permitindo en batería fronte ao muro da Estación de Autobuses.
  • Praza da Constitución
  • Sufrirá cambios no seu ordenamento para facilitar a entrada e saída de vehículos despois dos cambios realizados na rúa Cidade de Vigo.
  • Rúa Frei Plácido Lemos
  • Disporá dun corte de tráfico á altura do acceso ao antigo Hospital Provincial de San José. Prohibirase o estacionamento na marxe dereita en dirección ao paseo Vila de Foz. Reservarase ademais un espazo para o estacionamento de vehículos oficiais e crearase unha zona de carga e descarga sen limitación horaria e a continuación estacionamento de turismos en liña ata a rúa Santiago.
  • Rúa Armando Durán
  • Sinalizarase para que o acceso dos residentes se realice pola rúa Pintor Corredoira. O primeiro treito, dende a Praza de Avilés ata a rúa Xacobe III de Inglaterra estaráreservado para o Xulgado, e a continuación prohibirase o estacionamento no resto da vía para facilitar a circulación en ambos os dous sentidos.
  • No inicio da rúa Pascual Veiga
  • Na marxe dos edificios, habilitaranse de forma provisional seis para realizar operacións de carga e descarga e unha praza os medios de comunicación. No lado do Parque de Rosalía, seis para a Audiencia Provincial, seis para persoas con diversidade funcional, e o resto das prazas ata a curva, reservaranse para as actividades programadas polo Concello.
  • Rúa Puro Cora
  • Nesta rúa montaranse as casetas da feira Gastroarte, polo que estará cortada ao tráfico, permitíndose só o paso a residentes e á garaxes.

Vías afectadas e medidas para adoptar durante procedemento B

  • Ronda da Muralla
  • Terá un corte de tráfico á altura da rúa Santiago. Desviarase todo o tráfico da Ronda e da rúa Cidade de Viveiro pola rúa Santiago. A través deste corte permitirase o acceso de vehículos autorizados e de residentes con praza de garaxe a este tramo e aos da rúa Vilalba, Carril dos Lourerios e das vías das inmediacións do Parque de Rosalía de Castro. O acceso á rúa Bispo Aguirre e á Praza Maior facilitarase ata que a afluencia de persoas o permita.
  • Rúa Vilalba
  • Efectuarase un corte de tráfico unha vez superada a intersección do Carril dos Lourerios e as persoas residentes desta vía accederán dende o punto de corte da Ronda e sairán polo Carril dos Loureiros, en sentido contrario ao habitual cara a rúa Cedrón del Valle.
  • Carril dos Loureiros
  • Durante a aplicación deste procedemento, cambiaráselle o sentido de circulación para facilitar a saída dos residentes do tramo da Ronda da Muralla, rúa Vilalba e do propio Carril dos Loureiros, en dirección á rúa Cedrón del Valle e á rúa Cidade de Viveiro.
  • Rúa Salvador de Madariaga
  • Realizarase un corte de tráfico á altura da Praza de Bretaña. Permitirase soamente o acceso das persoas residentes e dos vehículos que se dirixen ao aparcadoiro do Seminario.
  • Avenida de Ramón Ferreiro
  • A calzada que discorre fronte aos centros educativas habilitarse en dobre sentido para facilitar a entrada e saída das e dos residentes. A oposta sufrirá dous cortes, un á altura da rúa Celso Emilio Ferreiro e o segundo na confluencia da rúa Salvador de Madariaga.
  • Avenida de Ramón Ferreiro, confluencia con rúa Pintor Corredoira
  • Prevese un corte do tráfico dende a rúa Pintor Corredoira en dirección á rúa Celso Emilio Ferreiro en momentos puntuais ou días concretos, desviándoo cara a praza do Rei.

Autorizacións

As e os residentes e usuarios con praza de garaxe afectados polos Cortes de tráfico, as e os condutores dos vehículos que utilizan as áreas de estacionamento interiores dos distintos centros escolares que se atopan no interior do recinto feiral e a súa área de influencia, quen realice operacións de carga e descarga, incluídos feirantes, deberán proverse das correspondentes autorizacións de acceso na Oficina de Atención ao Cidadán (OAC) da Policía Local, sita na rúa das Artes, número 33, ou a través do correo electrónico policialocal@concellodelugo.org (neste caso será preciso acudir a recoller as autorizacións nas dependencias da Policía Local).

Zonas de carga e descarga sinalizadas do recinto feiral

Rúa Garcia Portela, rúa Frei Plácido Rei Lemos e rúa Pascual Veiga.

Zonas de estacionamento disuasorias

Crearanse catro zonas de aparcadoiro situadas nas inmediacións das principais vías de acceso á cidade (dúas na rúa Campos Novos, unha en 'As Termas' e outra no polígono das inmediacións das dependencias da Policía Local, que estarán debidamente sinalizadas mediante carteis, para que as e os visitantes e a cidadanía en xeral dispoñan de prazas de estacionamento, evitando así, na medida do posible, o acceso do vehículo privado ao centro e ao recinto feiral.

Habilitarase unha zona para o estacionamento de autobuses na rúa Madanela.

Prolongacións de liñas e servizos especiais dos autobuses urbanos

Prolongación dos horarios das liñas:

Os días 4, 8 e 11 de outubro (véspera de festivo), as liñas 3A (Aceña de Olga - Ramil), 4 (Tolda - Abella), 6 (Montirón - Residencia - Cheda) e 7A (Gándaras Cemiterio), prolongarán os seus percorridos habituais ata as 03:00 horas.

Os días 5, 9 e 12 (domingo e festivos), as liñas especiais 3AE (Aceña de Olga - Ramil), 4E (Tolda - Abella), 5E (Gándaras – Campiña - Cemiterio) e 6E (Montirón – Residencia - Cheda), prolongarán os seus percorridos habituais ata as 02:00 horas.

Servizos Especiais con ocasión das festas que conectarán as zonas dos estacionamentos disuasorios co Recinto Feiral:haberá liñas espaciais que comunicarán as zonas dos estacionamentos disuasorios co Recinto Feiral do seguinte xeito:

Días 4, 8 e 11 (véspera de festivo, dende as 22:00 ata as 03:00 horas).

Días 5, 9 e 12 (Domingo e festivos, dende as 12:00 as 02:00 horas).

RUTA 1

Saída da rúa Celso Emilio Ferreiro (esquina Gran Hotel) cada media hora, as horas e cuarto e menos cuarto, por Xacinto Calvo, San Roque, Montero Ríos, Fontiñas, Fonte da Bica (inmediacións da Policía Local), Estrada da Granxa, Campos Novos, Alfonso X O Sabio, Agro da Torna, avenida de Magoi, Pintor Corredoira e novamente Celso Emilio Ferreiro.

RUTA 2

Saída de Celso Emilio Ferreiro (esquina Gran Hotel) cada media hora, as horas e 25 e 55 minutos, por rúa Celso Emilio Ferreiro (esquina Gran Hotel), Xacinto Calvo, San Roque, Ronda da Muralla, avenida da Coruña, Parque da Milagrosa, Alto de Garabolos, avenida Paulo Fabio Máximo e avenida lnfanta Elena (As Termas), para continuar por Paulo Fabio Máximo, Alto de Garabolos, avenida da Coruña, Parque da Milagrosa, Ronda da Muralla, Porta Santiago, República Arxentina, Pintor Corredoira e remate en Celso Emilio Ferreiro.

Taxis

Con motivo das festas patronais, o servizo de auto-taxi reforzará o servizo do número de taxis dispoñibles, concretamente nas paradas da praza de Santo Domingo e praza da Constitución. Para dar un mellor servizo ás persoas usuarias do taxi, permitirase o acceso destes vehículos á zona acoutada do recinto feiral e a súa área de influencia, sempre que as condicións do tránsito peonil así o permitan.

Sala de Control de Tráfico

Durante as festas, os ciclos semafóricos sufrirán un axuste na súa frecuencia para adaptalos as necesidades do tráfico, tanto de día como de noite.

Espazo habilitado para os medios de comunicación

Os medios acreditados disporán dunha reserva de espazo na rúa Pascual Veiga para facilitar o seu labor informativo.

Patio do edificio administrativo do Concello

Dende o día 1 e ata o 13 de outubro, ambos os dous inclusive, prohibirase o estacionamento de vehículos no recinto debido a montaxe, desmontaxe e celebración das distintas actividades de San Froilanciño.

Control de accesos é rúa Vilalba e Porta de Santiago

A Brigada de Sinalización fará abasto de senllos valos con sinal R-101 (entrada prohibida), para os cortes eventuais que puidesen producirse con ocasión dos distintos eventos.

Outras actividades que poden afectar ao trafico

Os días 5 e 9 de outubro.

A Concellería de Cultura incluíu dentro do programa das Festas de San Froilán 2016 a celebración de verbenas na zona peonil situada entre as Torres do Seminario e a praza de Bretaña. As devanditas actuacións poderán congregar un número importante de persoas na zona polo que, de ser necesario, o Gabinete de Tráfico previu que durante as actuacións se teñan que realizar cortes de tráfico rodado na rúa Dinán confluencia coa rúa das Hermanitas e na rúa Galicia coa praza de Bretaña. Permitirase o paso de residentes, á Comandancia da Garda Civil e ao aparcadoiro do Seminario.