As nosas seculares festas patronais continúan o seu camiño, sempre ben arraigadas na tradición, sempre atentas ás novidades que todos os anos se producen, e este ano con certa intensidade, pois entre outras cousas o Concello fixo algúns cambios importantes no feiral. Por poñermos só un caso, GASTROARTE, despois dos seus dous primeiros anos de vida na avenida de Ramón Ferreiro, pasa a estar agora dentro do propio feiral, feito que seguramente contribuirá a consolidar e aumentar o éxito deste evento tan ben acollido.

Por outra banda, é novidade o Día do Camiño Primitivo, que se institúe con vontade de permanencia aproveitando que esta grande ruta de peregrinación acaba de ser incluída pola UNESCO na lista do Patrimonio Mundial, con especial relevancia de Lugo como cidade monumental, na que a Catedral de Santa María é un dos grandes fitos arquitectónicos. Así, o martes 11 haberá, entre outras moitas cousas, actos coma a recepción das alcaldesas e alcaldes do Camiño na Casa do Concello.

Este ano é tamén o ano de Manuel María, o noso gran poeta, que pasou toda a súa adolescencia e primeira xuventude en Lugo, que sempre mantivo despois unha estreitísima vinculación literaria e persoal coa nosa cidade, onde lle foi dedicada excepcionalmente unha rúa en vida, e que mesmo pronunciou o pregón de apertura das festas do San Froilán do ano 1996. Manuel María naceu en Outeiro de Rei o 6 de outubro do 1929; por iso o día 6 de outubro do 2016, ano no que se lle dedicou o Día das Letras Galega, é tamén o Día de Manuel María no San Froilán, no que gozaremos dun concerto de A Quenlla que nos deleitará coas moitas e populares cancións en que os músicos deste grupo converteron os seus poemas.

Hai outras cousas novas, pero non caben nestas palabras de saúdo, nas que só queremos salientar algúns dos notables concertos que, sempre buscando compracer todos os gustos, aledarán a cidade durante estes días de outono: ademais de A Quenlla, Fuel Fandango, Loquillo, Abraham Mateo, Maria do Ceo, Bebe, Carlos Núñez, Ana Moura, Brath, etc. E non esquezamos tampouco a novidade que representa o gran concerto conxunto de catro das máis famosas bandas de música de Galicia (Antas de Ulla, Lalín, Ponteareas e Ribadeo) na praza de Santa María. Nin o tradicional San Froilán Miúdo centrado no Patio do Seminario.

Mais a páxina acábase, e só me queda desexarvos de todo corazón unhas felices festas.