Noemí Mazoy, oferente a Rosalía de Castro o Domingo das Mozas

A licitación 9 postos de venda para o GastroArte e a instalación dunha trintena de atraccións no San Froilán para os vindeiros 3 anos.

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, deu a coñecer este luns que Noemi Mazoy será a oferente a Rosalía de Castro neste San Froilán 2017, un acto que terá lugar o 8 de outubro, o Domingo das Mozas. O acordo tomouse por maioría en xuntanza de Comisión de Festas.

Noemi Mazoy naceu en Lugo en 1972. Esta namorada da súa cidade participou en numerosas facetas artísticas, con gran éxito, como actriz e cantante soprano. Na súa ampla traxectoria, participou nas obras teatrais Roberto Zucco, Bodas de sangre ou Electra. Realizou máis de 10 musicais, como Jackyll Hyde, Annie, El fantasma de la ópera, Victor, victoria, Peter Pan, Diario de Ana Frank ou Sonrisas y lágrimas. Como cantante soprano protagonizou as óperas La behomie e Aída e as zarzuelas Non chores Sabeliña, Los Gavilanes ou Las de Caín, entre outras.

Licitación de postos do GastroArte e atraccións no San Froilán

Carmen Basadre tamén anunciou a publicación, o pasado sábado, no Boletín Oficial da Provincia (BOP), do procedemento de licitación para a autorización de instalación de nove postos de venda na IV Feira Gastroarte ata o ano 2019. O prezo que os titulares das autorizacións para a ocupación do stand deben aboar son os seguintes: 507,08 euros polo uso do stand, 97,55 euros de taxa por ocupación de vía pública e 100 euros de fianza. Así mesmo, o BOP recolle a licitación para a autorización de instalación dunha trintena de atraccións no recinto feiral para os anos 2017, 2018 e 2019, tanto carruseis, circuítos, atraccións de habilidade, stands ou mesas de venda.

Todas as persoas interesadas en ambos os dous procedementos, poden presentar propostas durante 30 días hábiles no Rexistro Xeral do Concello, finalizando o prazo o 11 de setembro. As instancias deberán ir acompañadas de dous sobres, un coa documentación adminsitrativa e outra coa oferta económica.

Contratación da xerencia do Lugo+Biodinámico

Do mesmo xeito, no boletín do sábado publícase o procedemento aberto para a contratación dun servizo de xerencia, xestión técnica, administrativa e de control financieiro do proxecto Lugo+Biodinámico, para a planificación dun barrio multi-ecolóxico como modelo de residencia urbana. Trátase dunha iniciativa de 3,5 millóns de euros para desenvolver novidosas actuacións en favor dun urbanismo sostible e dun mellor aproveitamento da riqueza forestal, a nivel económico e ambiental, o que mellorará a calidade de vida dos veciños, fará de Lugo unha cidade máis verde e abrirá novas oportunidades económicas aproveitando a madeira como elemento estrutural constructivo.

Todos os interesados neste procedemento teñen ata o 14 de agosto para presentar as súas ofertas no Rexistro Xeral do Concello. A duración deste contrato estenderase ata o 30 de setembro de 2020 e o seu orzamento é de 217.000 euros.

Máis información no Perfil do Contratante, na páxina web do Concello, www.lugo.gal

Audio

 

Un saúdo

GABINETE DE COMUNICACIÓN