O lucense Edgar Bao, no San Froilán 2017

O acordeonista Andrés Penabad, a orquestra Metamovida e o grupo MITIC son outros dos artistas que actuarán nestes festexos, declarados de Interese Turístico Galego e Nacional

A música de banda tamén soará nestes festexos, a cargo da Banda de Música Artística de Merza, a Banda de Chantada e a Filarmónica de Lugo. Actuarán o domingo 8, a partir das 17:00 horas, na Praza de Santa María

O día do patrón, 5 de outubro, Lugo irá da man do xénero electrónico a partir das 23:00 horas, coa actuación, na Praza de Santa María, dos coñecidos Dj`s Galician Army, Manu Chady, dr. Think e Frisco&Marcos Peón

 

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, anunciou este venres novas actuacións para o programa das festas deste San Froilán 2017. Trátase dos concertos do lucense Edgar Bao e o acordeonista Andrés Penabad, o día 5 de outubro, na Praza Horta do Seminario e na Praza de Santa María, respectivamente; a orquestra Metamovida, o día 4 en Santa María, e o grupo MITIC, o día 9, tamén neste mesmo emprazamento.

Con 15 anos, Edgar Bao participou no recoñecido programa La Voz Kids, quedando de semifinalista na súa terceira edición. Este mozo de voz cálida conta con numerosos seguidores, non só en Lugo senón en todo o país.

Andrés Penabad é o primeiro músico galego que se atreve a colocar o acordeón nun lugar solista. Tras o éxito do seu primeiro disco en solitario, Penabad presentou o segundo traballo, Bipolar, que reúne composicións propias e pezas tradicionais, co obxectivo  de gravar o seu nome no panorama do folk galego. Conta con numerosos premios en concursos nacionais e internacionais e ten colaborado con músicos da altura de Carlos Núñez, Kepa Junquera, Susana Seivane, Luar na Lubre, Pablo Díaz ou Xabi Aburruzaga.

A orquestra Metamovida é a consecuencia da reunión de distintos grupos da escena alternativa, Unicornibot, Why Go, Cró! e Buogh!, con gañas de facer algo diferente no panorama musical tanto pontevedrés como galego. Apostando polo colectivo esta agrupación actúa baixo o concepto da improvisación conducida.

O grupo MITIC está composto polos irmáns Álvaro e Suso Costas, xunto con outros 13  músicos. A diferenza con outros grupos de versións é que en MITIC a gaita leva a voz cantante sendo o centro do seu espectáculo e reinterpretando grandes éxitos do rock.

Bandas de música

A música de banda tamén soará nestes festexos, declarados de Interese Turístico Galego e Nacional. As encargadas de poñerlle esta banda sonora ao San Froilán serán a Banda de Música Artística de Merza, que fundada no ano 1828 é a agrupación popular máis antiga de Galicia, a Banda de Chantada, con máis de 150 anos de traxectoria, e, como non podeía ser doutro xeito, a Filarmónica de Lugo. Actuarán o domingo 8, a partir das 17:00 horas, na Praza de Santa María.

Dj´s

O día do patrón, 5 de outubro, Lugo irá da man do xénero electrónico a partir das 23:00 horas, coa actuación, na Praza de Santa María, dos coñecidos Dj`s Galician Army, Manu Chady, dr. Think e Frisco&Marcos Peón.

Audio

 

  

Un saúdo

GABINETE DE COMUNICACIÓN