
Coma sempre, o San Froilán de Lugo toca chamada, unha chamada que atrae á nosa cidade multitudes de toda Galiza e mesmo de fóra. Unhas festas coma as do San Froilán non son só unha festa: son unha obriga que os lugueses e as luguesas temos con nós mesmos e cos centos de milleiros de persoas que veñen gozar delas.
A austeridade obríganos a aforrar e a administrar con sumo coidado os minguados recursos, e de feito así o facemos; pero non pode levarnos a “recortar” unhas festas que, ademais, son un feito económico moi importante para centos de negocios e milleiros de persoas da nosa cidade. Así é como neste ano mantemos a potencia e o espírito tradicional do San Froilán, reforzando mesmo o seu carácter de festa na rúa e afondando na tradición galega e popular, visible entre outras cousas na vigorosa e variada presenza do traxe tradicional.
E sen diminuír un ápice a súa forza no centro da cidade –que sería desvirtualas–, este ano as festas tamén se achegan aos barrios vellos e novos. E como as nosas festas son un organismo vivo que, aínda mantendo o seu ser esencial, evoluciona co tempo, tamén se inclúen ou potencian distintas disciplinas artísticas, como son, por exemplo, a maxia, a danza ou a artesanía.
Este ano temos ademais que agradecer á hostalaría e ao empresariado lucense a súa implicación activa nas festas patronais, recuperando en parte unha antiga tradición de apoio económico e organizativo, nun camiño que aínda esperamos ampliar nos próximos anos.
As festas son para todos, lucenses e forasteiros, e a nosa grande preocupación é que sexan do gusto de todos: por iso nelas hai un pouco de todo. Pero o máis importante é sen dúbida a alegría e a hospitalidade que caracterizan Lugo en todo tempo, e moi especialmente nestes fermosos días do outono galego nos que abrimos a nosa cidade –xa aberta sempre– de par en par a Galiza e ao mundo.

Antón Bao Abelleira.
Tenente Alcalde e Concelleiro de Cultura,
Turismo e Promoción da Lingua.