Cargando...
imagen slider
imagen slider
imagen slider
imagen slider
Lugo é moito mundo
Coñecer Lugo no San Froilán

As multitudinarias festas do San Froilán son as máis fermosas do outono galego, dixo Álvaro Cunqueiro no seu tempo. E non esaxeraba: en realidade, hoxe pódese dicir que son as máis fermosas de todas as estacións en Galicia.

O cinco de outubro San Froilán, o amigo dos lobos, é o pretexto para uns festexos nos que Lugo, sempre cidade aberta, é máis aberta ca nunca. Milleiros e milleiros de persoas acoden á vella cidade, non só dos arredores, non só de toda Galicia, senón de fóra dela, e moi especialmente de Asturias e León. O Domingo das Mozas, o seguinte ao día do Patrón, é un verdadeiro río de xente, que sempre parece que non cabe e sempre acaba cabendo.

E ademais as festas do San Froilán son unha das mellores ocasións para coñecer o Lugo monumental, concentrado no centro histórico, que do 4 ao 12 de outubro,vestido de festa, adquire un esplendor especial, tinguido coa luz e coas cores do outono. Unha cidade que conta con tres Patrimonios da Humanidade, como son a muralla romana, a catedral e o Camiño Primitivo a Santiago de Compostela.

Unha visita á Oficina Municipal de Turismo e Centro de Interpretación da Muralla pode axudarnos a tirar máis proveito da nosa estadía. Ademais, a oficina e o centro están situadas nunha nobre casa da Praza do Campo, un dos lugares máis fermosos da cidade vella e centro neurálxico do Lugo gastronómico.

Imprescindible é o paseo polo adarve da muralla romana, Patrimonio da Humanidade, monumento único no mundo, pois é a única que en todo o territorio do Imperio conserva íntegro o seu perímetro. Un paseo de algo máis de dous quilómetros permite ver o centro histórico desde arriba e mesmo fantasiar con outros tempos, dicindo case coma Napoleón: “Viaxeiro, tes dous milenios aos teus pés”.

Outro dos gozos de Lugo é a visita á catedral, un gran templo construído no tempo do románico e esencialmente románico e gótico, pero con partes renacentistas e barrocas de gran beleza e harmonía, entre as cales destaca a capela da Virxe dos Ollos Grandes, obra mestra do arquitecto compostelán Fernando de Casas Nóvoa, ou o altar maior coas bóvedas decoradas por impresionantes pinturas.

Non se debe perder tampouco a ocasión de visitar dúas xoias do gótico mendicante galego: a igrexa de San Domingos, do antigo convento dominicano, e a de San Pedro, do convento franciscano –esta aproveitando que hogano celebramos o oitavo centenario da peregrinación a Compostela de san Francisco, que segundo é tradición pasou por Lugo e fundou el mesmo o primeiro convento lucense. E feliz casualidade: o día de san Francisco é precisamente o 4 de outubro, véspera de san Froilán.

A Praza Maior, rodeada de notables edificios de diversas épocas, ten na cabeceira a Casa do Concello, obra do arquitecto Lucas Ferro Caaveiro considerada unha das máis belas obras do barroco civil galego.

Pero á parte dos monumentos singulares, o Lugo histórico é un gozo de prazas e rúas que cómpre percorrer de vagar, tendo en conta ademais –pero deixarse levar máis alá do que indica a prudencia– a densa presenza de tabernas, bares e restaurantes onde o bo viño e a boa gastronomía son lei. A Praza do Campo e a rúa do Miño que articulan o barrio medieval ou Burgo Vello. A longa e antiga Rúa Nova. A rúa de San Pedro e o Campo Castelo que coinciden co chamado Burgo Novo –tamén de orixe medieval–. A praza de Santa María, coa catedral e o pazo episcopal e coa súa piscina romana musealizada ao aire libre. E logo as partes máis modernas que se desenvolveron no século XIX: as rúas da Raíña e do Progreso, a praza de Santo Domingo, a rúa de San Marcos que agora é máis ben unha praza...

Aínda pode quedar un pouco de tempo para os museos. Por unha banda o Museo Provincial, tan variado, que inclúe o claustro románico e o refectorio e a cociña barrocas do vello convento dos franciscanos. A Domus do Mitreo, co seu singular templo de Mitra espectacularmente musealizado. A Casa dos Mosaicos ou Domus Oceani, o que queda dunha rica mansión romana con instalación audiovisual. O Centro Arqueolóxico de San Roque, con restos dunha necrópole romana. A Sala Porta Miñá, con numerosos testemuños arqueolóxicos do Lugo romano. O Museo Interactivo da Historia de Lugo, impresionante edificio vangardista soterrado no Parque da Milagrosa.

E baixando pola calzada romana da Vía XIX do Itinerario de Antonino, ou indo a pé feito, podemos visitar os restos das grandes termas romanas de Lugo, no actual Hotel Balneario, e a Ponte Vella, de orixe romana, magnificamente restaurada hai un ano, sobre o río Miño, represado polos vellos caneiros, decorrendo maxestoso e solemne entre carballeiras e bosques de ribeira.

E ao outro lado da Ponte Vella, o Barrio da Ponte, formado ao redor do antigo lazareto fundado xa na Idade Media, que conserva un grande edificio barroco que lle engade carácter monumental á súa beleza fluvial. Por aquí decorría e segue decorrendo o Camiño Primitivo de peregrinación a Santiago de Compostela, anterior ao Camiño Francés e recentemente declarado Patrimonio Mundial da Humanidade. O Barrio da Ponte, extraurbano pero fortemente vinculado á cidade, ben merece un paseo, porque Lugo é moito mundo e o Miño é moito río.

E non un só río. Ademais do Mera, o río dos muíños, á beira do cal hai unha ruta sinalada de sendeirismo, está o Rato ou Fervedoira, cun verdadeiro parque de varios quilómetros ás súas beiras, entre antigas carballeiras. Un magnífico paseo para unha mañá de lecer e sosego, cando a festa do San Froilán está ao mellor a medio gas e nos apetece un descanso bucólico do boureo urbano.

Quizais entre a festa e os paseos pola cidade e os seus arredores non nos cheguen os días que traemos para o San Froilán. Pero podemos volver, e volveremos. Ao San Froilán polas festas e pola gastronomía, fundamentada especialmente nun prato mítico, o polbo ao estilo da feira, que podemos desfrutar tanto nos restaurantes clásicos coma nas grandes “casetas”, que son en realidade enormes e cómodos restaurantes que se montan durante todo o mes de outubro nas costas do parque, por baixo do parque Rosalía de Castro, outra das grandes belezas de Lugo. Polbo á feira e carne ao caldeiro son a comida tradicional dos sanfroilaneiros, pero hai moito máis, porque xa o di un vello lema: Para comer, Lugo.

Concello de Lugo
Praza Maior, 1   //   27001   Lugo   //   982 29 71 00